A biodiversidade do Salnés, protagonista nas XIV Xornadas Pedagóxicas de CANDEA

A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, vén de presentar ao público as súas Xornadas Pedagóxicas (que van xa pola súa edición número 14) e que estarán centradas na biodiversidade da comarca.

Como de costume, as actividades englobadas nestas Xornadas están dirixidas ao profesorado e servirán para presentar novos materiais e fomentar o intercambio entre profesionais do ensino; ademais de poñer en valor os recursos que ofrece O Salnés a nivel etnográfico, cultural, natural, literario...

As Xornadas terán como sede o instituto Francisco Asorey, desde o día 13 ao 17 deste mes en horario de tarde, cubrindo un total de 20 horas presenciais. A inscrición é de 30 euros ou de 20 para membros de CANDEA e parad@s. Calquera que así o desexe pode apuntarse nos teléfonos 986530407 ou 986520161.

Ademais de conferencias e presentacións que terán lugar durante o primeiro día das Xornadas destacan as diferentes saídas temáticas para coñecer de cerca o que O Salnés nos ofrece; haberá unha dedicada a árbores, outra a dunhas, praias e areais, outra á costa rochosa e unha última centrada nos recursos para o estudo da natureza. Os ponentes durante as Xornadas serán Víctor Caamaño, Mon Daporta, Manuel Domínguez, Ramón Caride e Adela Leiro.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O BNG fai público o que gastou o Concello na viaxe a Arxentina : 16.760 euros

O pasado xoves tivo lugar un pleno no Concello de Cambados, onde entre outras cousas se falou das Contas de 2009 que o goberno local presentou.

Pois ben, o voceiro do BNG, Víctor Caamaño, fainos chegar un interesante comentario sobre estas Contas. Trátase dunha pregunta que fora formulada polos nacionalistas a finais do ano pasado e cuxa resposta se fixo agardar até esta última semana de Agosto de 2010.

Lembrades a viaxe a Arxentina na que tomaran parte Aragunde e Tourís, capitaneados por Rafael Louzán? Ocorreu entre os días 6 e 10 do Nadal pasado e xustificouse por parte do Partido Popular como un xeito de facerlle chegar axudas aos emigrantes. Desde a oposición sospeitábase que, ao igual que en ocasións anteriores, o PP viaxaba a Sudamérica a comezar a recaudación de votos.

Pois ben, as contas son claras e falan por si soas:


É dicir, o gasto das viaxes e dietas de alcalde e funcionaria e o Xantar de Confraternidade (como gustan os xantares no Partido Popular!) é exactamente tres veces superior aos cartos invertidos nas supostas axudas á emigración.

Sen dúbida semella que esta forma de entrega non é a mellor nin para os emigrantes, nin para os veciños de Cambados que unha vez máis ven como os seus cartos se gastan sen maior preocupación por parte do equipo de goberno. E ademais, recordemos que non é función dun Concello nin dun alcalde facer política exterior.

Veremos se estas viaxes (que en 2008 custara 2.000 €  máis) teñen continuidade e a mesma periodicidade, logo de que o Congreso resolvera limitar o dereito ao voto dos emigrantes e estes non vaian poder facelo nas eleccións municipais. De seguro que ao goberno local non lle interesa entón tanto Xantar e tanta viaxe. Veremos.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O PP faise coas novas na prensa comarcal durante o verán

O Partido Popular copou no mes pasado as novas que publicaron dous dos tres diarios da comarca. Ese ascenso do partido do goberno fronte aos dous da oposición fíxose moito máis acusado no Diario de Arousa que en La Voz.

Din que o verán é o período menos mediático do ano debido ás vacacións. Unha explicación posíbel destes datos pode ser que a maquinaria da propaganda institucional do Concello seguiu funcionando con total normalidade, mentres que os grupos da oposición afloxaron a actividade fiscalizadora durante o verán. Os temas máis recurrentes foron as festas do Concello (o PP aparece en case todas as novas deste tipo debido á grande afluencia de cargos conservadores en Cambados) e algunhas actuacións anunciadas por Xunta e goberno local.

A partir da vindeira entrega adxuntarase xa un histórico das novas de cada partido ao longo dos meses, onde se poderá percibir máis facilmente o que sucedeu durante o verán.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Repaso ao Dolorock 2010

O cartel deste ano

Xa é un pouco tarde para dar un breve repaso ao Dolorock que se celebrou o pasado sábado 21 de agosto en Mosteiro (Meis), pero é necesario dalo, pois este festival conta xa cuns anos de traxectoria e un importante número de persoas desfrutan cada ano das súas propostas musicais.

O Dolorock comezou coma un evento de baixo presuposto onde os grupos galegos dos arredores tiñan a oportunidade de participar nun festival de considerables dimensións e pouco a pouco foi mudando e crecendo ata que no 2007 trouxeron directamente a Mosteiro por primeira vez a un grupo internacional (os portugueses The Gift). Hoxe en día, cun presuposto de máis de 40.000 €, achegan ao festival Dolorock promesas actuais do indie tanto de bandas españolas coma galegas, e internacionais inclusive. E iso sen modificar o seu prezo que sigue a ser de balde e con acampada libre.

O Dk’10 contaba con atraer a Mosteiro a tantos miles de persoas coma a pasada edición, non obstante quedouse curto en canto a participación, o cal non quere decir que a proposta deste ano non fora apetecible. Abrindo o cartel musical atopábase Munich, unha proposta de postpunk que sae das entrañas de Vigo; Supersubmarina ofreceu un concerto contundente que deixou con ganas de máis; os seguintes Igloo amosaron a súa proposta pop quedando un pouco ao marxe do público quen non se amosaba moi entusiasmado. Chegou o turno dos de Barbanza, Triángulo de Amor Bizarro, ca súa proposta noise retumbando por todo Mosteiro, a guitarra que molestou a máis de un e a súa baixista, Isa Cea, reclamando o público femenino en pe. Pechando o cartel do dk’10 chegaron dende Glasgow os 1990s, prato forte do festival, que encheu de espíritu ao pequeno público cos tres integrantes dándoo o todo para facer un sonido maxistral nun Mosteiro que ía quedando baleiro. Tamén fixo a súa presencia Rober Bodegas Dj que comezou pinchando de cedo e entre banda e banda, e rematando a festa a música saiu dos pratos da recoñecida eme dj.

A pesares da baixa participación deste ano, o festival de Mosteiro continúa a ser unha referencia da música indie e contamos con que o ano que ven volvan traer bandas tan interesantes coma as do sábado pasado.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Última semana de Agosto: dirección provisional de Cambados(tk)

Por motivos persoais, durante esta semana (até o vindeiro Martes 31 de Agosto) a dirección de Cambados(tk) vai ser levada a cabo por outra persoa.

Non se prevé unha actividade grande na web, pero si polo menos non romper coa actualización durante sete días seguidos. Espérase tamén un toque persoal diferente durante estes días...veremos en que queda, estate atent@!

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Interesante reportaxe sobre webs oficiais da comarca en Cambadosweb

Moitas veces se falou nesta páxina (tanto no blog coma nas dúas anteriores versións) da páxina web oficial de Cambados (www.cambados.es). Falouse de xeito crítico porque a páxina é empregada como unha ferramenta política máis en lugar de como unha ferramenta útil para o cidadán. A última das veces foi esta mesma semana cando descubrimos que a información relativa ás bolsas para estudantes que concede o Concello de Cambados foi publicada na web do Concello de Vigo e curiosamente non na nosa.

Pois ben, hoxe publican en Cambadosweb.net unha interesante reportaxe na cal repasan unha a unha as páxinas web oficiais dos concellos da comarca e mesmo constrúen un ranking a partir dunha puntuación repartida entre a accesibilidade, a información, o aspecto visual e a interactividade que ofrece cada unha. A web de Cambados aparece no terceiro lugar pola cola cunha nota de 4,75.

Relacionados

Reportaxe As webs oficiais do Salnés en CambadosWeb.net

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O debate de Cambados de Tele Salnés

O pasado 1 de Xullo tivo lugar no Canal Rías Baixas (Tele Salnés) un debate entre Luís Aragunde (alcalde, PP), Domingo Tabuyo (PSOE) e Víctor Caamaño (BNG). A canle comarcal ten o vídeo subido na súa web, podes acceder a el e velo online. A duración é de unha hora.

O debate xira entorno varios temas, especialmente arredor da actual crise económica (que remata por alonxar o debate de Cambados ata o

Goberno Central) e facendo fincapé en temas recentes como as comportas no Saco de Fefiñáns e as repercusións que pode provocar para o marisqueo.

Relacionados

Debate político sobre Cambados en Tele Salnés do 1 de Xullo de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

[Outras cidades] Cando comecemos a copiarlle a Vilagarcía, empecemos por copiarlle o bo

Onte na cidade veciña de Vilagarcía tivo lugar unha iniciativa moi interesante chamada Proxecta, que ao parecer celebrou xa a súa terceira edición. Despois volveremos sobre isto.

Nesta sección de Outras Cidades propóñense aspectos positivos doutras localidades, galegas ou do resto do mundo, que conviría ter en conta desde o noso Concello.

Pois ben, ademais da excelente renovación que están a levar a cabo nas rúas da cidade veciña (mentres en Vilagarcía xa falan de peonalización de rúas tan céntricas como Rei Daviña, en Cambados síguennos aburrindo co concepto ambiguo de semipeonalización) e da oferta cultural que se ofrece desde o Concello, que non só xera actividades senón que apoia a quen ten a iniciativa de levalas adiante (como aos organizadores do Proxecta, sen ir máis lonxe), ou da diversidade de estilos que ofrecen nos concertos das Festas (desde Berrogüeto ou Luar na Lubre até Sergio Dalma ou David Civera!)...onte chamoume algo máis a atención.

Non é algo que debera sorprender, pero no caso de alguén acostumado a Cambados, desgrazadamente si o fai. Durante a presentación do Festival Proxecta 10 tomou a palabra o concelleiro de Cultura e tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón (BNG). O curioso é que a carón del non só estaba a alcaldesa, Dolores García (PSOE) (algo que pode ser entendíbel dado que compartillan goberno), senón que ademais estaba o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas, quen é militante do PP e competiu co actual portavoz na cidade polo seu cargo orgánico. Falou Ratón, pediu logo a palabra Puertas e rematou a alcaldesa por falar.

Para empezar, alí estaban os tres partidos representados, algo insólito en calquera acto en Cambados porque o Concello acostuma esquecer os convites á oposición, e cando no noso Concello o alcalde se vía forzado a compartir acto con cargos doutros partidos aproveitaba o seu turno de palabra para cargar contra o outro.

Comentouse moito na rede estes días unha entrevista de La Voz de Galicia na que un cidadán de Vilagarcía de Arousa afirmaba que "en Cambados cópiannos todo". E ten graza porque o dicía o responsábel de Albarousa, unha feira de Albariño ca metade de anos de historia que a que temos en Cambados. Pois ben, sen entrar en liortas e negando a maior eu digo: o día que comecemos a copiar de Vilagarcía, empecemos polo bo.  Que por moi cambadeses que sexamos, tamén hai que saber recoñecerllo.

Imaxe : Unha rapaza olla unha das fotografías de Emilio Morenatti que forman parte da exposición Desplazados que pode verse na Rúa Rei Daviña de Vilagarcía con motivo do festival Proxecta 10.

Máis anotacións na serie Outras cidades:

Copenhague, as vantaxes dunha vila nunha cidade moderna

O exemplo de Allariz

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Últimos días para pedir a bolsa de estudante do Concello de Cambados

Tal é como se explica na páxina web de Xuventude do Concello de Vigo (si, non na de Cambados...na de Vigo!) estamos nos últimos días de prazo para solicitar unha das bolsas para estudantes universitarios ou de ciclos superiores que concede o noso Concello.

Segundo se publicou no BOP de Pontevedra o pasado 25 de Xuño o prazo comprende dous meses desde o día seguinte ao da publicación, polo tanto esta sería a última semana. Esta bolsa ten como obxecto axudar á compra de libros e material didáctico e a contía máxima (a repartir entre todos os seleccionados) será de 7.000 euros, tal e como se prevé nos orzamentos deste ano.

Quen pode pedila? Calquera estudante universitario ou de ciclo superior que curse estudos fóra da comarca e con domicilio familiar en Cambados e cuxos pais sexa tamén veciños deste Concello. A unidade familiar debe ter uns ingresos netos anuais que non superen os 24.000 euros (e 602 euros máis en caso de familias numerosas a partires do terceiro fillo).

Onde e como solicitala? Calquera día da semana de 10.00 a 14.00 horas no segundo andar do Centro Sociocultural da Mercede. O solicitante facilitará copia do seu DNI ou pasaporte, do libro de familia, da matrícula do curso anterior e do seu expediente completo. Tamén o certificado das imputación do IRPF de cada membro da unidade familiar, certificación dunha conta bancaria para o posíbel cobro da bolsa, certificado de empadroamento e recibo de pagamento de alugar da vivenda familiar se é o caso.

Documentos relacionados

Boletín Oficial de Pontevedra do 25 de Xuño de 2010. Neste enlace ao BOP no que se publicaron as bases da convocatoria (pax 19) podes ler todos os detalles (documentación necesaria, baremación, pagamento...).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cheiros: A TVG faise eco das queixas e un lector escribe para apuntar unha posíbel solución

Hoxe acudiron a Cambados os reporteiros da Televisión de Galicia (TVG) para facerse eco dos malor cheiros que seguimos a padecer os veciños e veciñas do centro da vila.

Na nova, emitida neste mediodía no programa Galicia Noticias, ademais de verse reflectida a opinión de varios viandantes aparece o presidente dos comerciantes de Cambados Zona Centro, Marcos González, quen mantén que os malos cheiros poden provocar unha mala imaxe á xente que vén de fóra.

Podes ver o vídeo premendo no logo:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

OPINIÓN DUN LECTOR SOBRE AS OBRAS

Sobre a anotación que se facía esta semana acerca das obras no Pombal para arranxar o problema dos cheiros, un lector achéganos a súa opinión. Dicíase esta semana que os operarios traballaban levantando a rúa e cambiando tuberías para rematar cos cheiros, e esta persoa afirma que o que habería que facer sería unha "pequena obra"  que consistiría en "cambiar o burato de lado da alcantarilla" e logo "éngadese o bote sifónico e adeus cheiros".

Sinala ademais que non cre que sexa necesario cambiar toda a rede de saneamento, senón revisar e levar a cabo esta obra en cada punto negro dos cheiros, posto que tan só consistiría en cambiar as alcantarillas e poñer un bote de plástico fronte a unha grande inversión, e ademais sentenza: "que non nos den gato por lebre e volten a levantar tódalas rúas".

Se coñeces a solución para o problema ou queres achegar a túa opinión, podes facelo a través do email cambadostk (arroba) gmail.com, a través do Facebook ou como un comentario a esta anotación.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google